Páginas

lunes, 12 de septiembre de 2016

TAMARA FEIJOO, GOFRANDO O TEMPO


XABIER LIMIA DE GARDÓN.
velaquí o texto en La Región
ARTE ET ALIA


Os mergullos no verán son o verán, porque este é un estado mental: velaquí a esencia da felicidade para tantos no tempo de vacacións. Tamara Feijoo Cid, a xoven artista plástica ourensá, tenta atrapar dende o seu proceder plástico este concepto fuxidío, tan ricaz e por veces obsesivo. Dende pouco antes desta segunda estación do ano, inaugurou na Marisa Marimón Galería de Arte que, co intermezzo de agosto pechada, volta á actividade para contemplar esta exposición chea de calma, dende a reflexiva sensibilidade da autora. Son ‘La imagen fantasma’ a penas unhas obras nas que o devalar dos ‘mundos sutiles / ingrávidos y gentiles’, que Machado apuntara, reflicten unha aposta polo sosego, dende un aquel que ten algo de filosófico e moito de toma de postura vital. Coida coa atención debida os papeis, materiais que nas súas mans semellan paleta de cores, e fai dende as transparencias por superposicións, os volumes. Todo elo, no fondo, coido que expresa moitas cousas de si mesma. Así tamén dende o lapis de grafito, e o gouache, medios técnicos. Cartografía e silencio co papel Fabriano Rosaspina. E, desta volta, láminas de madeira, nas que aplicar esmalte, e o procedemento do gofrado. Consegue así que aparezan os rastros como pisadas de xilófagos, esas pequenas pegadas da vida na escala trófica, que son a penas uns ronseis. Mais as marcas poden ter algo persoal, pois toda cicatriz agacha feridas.


Hai tamén na mostra obras de ‘Geometrías imprecisas’, I, II, e III, de 2016; e varios Nocturnos de 2015, traballos que nos achegan ás súas actividades como ilustradora e deseñadora gráfica. Neste campo destaca a capa de ‘O último día de Terranova’, de Manuel Rivas, publicada por Xerais, Premio da Crítica 2015, agora en castelán en Alfaguara. E a piques de presentarse está ‘Auga a través’, un poemario de Dores Tembrás, na que a capa é un dos seus gofrados do tempo, que comentamos. Deles dixo:‘me centro en los rastros que permanecen, esa persistencia de la imagen en la retina, la huella ilusoria que permanece, es la imagen fantasma”. Eis a lembranza do xa foi, pois malia que nos pese, vivimos sempre no agora, e o tempo non dura máis que cando o inventamos. E así dende esta sensación é como xurde a beleza.

Con anterioridade, na súa traxectoria, e sempre dende o seu debuxo preciosista e detallado, foron ‘Acciones para perdurar un instante’, e sobre todo as ‘Naturalezas invasoras’, ca. 2011-2013, que se exhibiu no Museo de Arte Contemporáneo GasNatural / Fenosa. Mais eran os seres humanos, e as cores nos rostros, frores e ramas coas súas follas, que se comportaban como apéndices deles. Foi un centrarse no protagonismo da natureza, consecuencia directa da beca de creación en Berlín, tempos de esixirse, e probarse, logo da licenciatura na Uvigo / Pontevedra. Dende as cores, os tonos e sombreados acadaba o volume e corporeidade. Era o medrar sen control, o crecemento natural, non sen tempo, de novo. Un outro camiño por facer é o do ‘jardin clos’, tamén chamado ‘hortus conclusus’, o xardín das delicias. Interesaralle?

No hay comentarios:

Publicar un comentario