XABIER LIMIA DE GARDÓN.
o artigo na web de La Región
ARTE ET ALIA.
Estamos a conmemorar ao artista Manuel Prego de Oliver, co gallo dos cen anos do seu nacemento. Gran creador, os seus temas forman parte xa do canon da pintura galega. A súa inspiración estivo ao longo da súa vida nos Faladoiros cos amigos literatos, e os seus libros, e na escolla do variado abano das súas lecturas. Deste cosmos de cultura procede todo.
Prego lé a Verne e Stevenson, e as horas da mocidade sonlle poucas para Papini e Nietztche, ademais de Ortega y Gasset. Así o puidemos constatar no curso do proxecto ‘Prego100anos’, para o que ademáis da parte visible das tres exposicións complementarias e simultáneas na cidade afondamos nas súas técnicas pictóricas e na súa vida, nos seus materiais artísticos e as súas influenza vitais..., e tentamos a reconstrucción da súa librería, dunha fonda importancia no seu pensamento e na súa pintura e que está dispersa. Todo é nel unha ‘kunstliteratur’, que abrangue máis alá das lecturas específicas de arte.
Así o Teatro de Gabriel Marcel, Ensueños de Herman Hesse, as Obras completas de Baudelaire..., un elenco no que hai obras do seu tempo, caso de La ciudad y los perros (Vargas Llosa) ou Cien años de soledad de García Márquez. Noutra obra deste autor, El otoño del patriarca, debuxa entre as follas, e tamén na de Liam O’Flaherty, El delator, entre outras.
En El rayo que no cesa, de Miguel Hernández, retrata o poeta represaliado no cárcere de Alacant; e sonlle especialmente fértiles os Cuentos de Pío Baroja, no que hai seis debuxos: 'Errantes', inspíralle unha parella de costas con un neno na paisaxe.
Pero é a relación e trato cos literatos galegos que lle son amigos os que reflicten o seu mundo cotiá: así Valente, José Mª Castroviejo ou Cunqueiro, con que a relación foi intensa. En Si o vello Sinbad volvese ás illas ponlle: ‘Estas historias para Manolo Prego son os relatos dos soños que non hai’. Con Vicente Risco, moito máis que un mestre para íl, Otero Pedrayo e Cuevillas, ou Antón Tovar e José Luis López Cid.
E Luís Manteiga, Manolo González del Valle e Fernández Mazas. Para o mestre e poeta Manuel Luís Acuña Sarmiento faille a portada de Fírgoas (Poemas 1930-1931), editada en Santiago pola Editorial Nós, obra que ilustra, capa e interior, na reedición de 1979 na imprenta de La Región.
A editada por La Región en 1979, e a orixinal, do 6.IX.1933. |
En ABC, Xaneiro 1959. |
Eduardo Blanco Amor dedícalle as Farsas que publicara en Buenos Aires en 1953, cando chega a Vigo cinco anos despois: ‘A Prego de Oliver para que descanse de las cosas serias… con un abrazo de un admirador de verdad y de su amigo en serio’. E nos seus derradeiros lustros Torrente Ballester do que tiña a Saga/Fuga de J.B., e Carlos Casares.
Este manancial aboia na súa arte, para sentirse galego de seu. As súas imaxes plásticas, forman parte da percepción de Galicia desde os anos cincuenta. Este é Prego, un sólido alicerce da Atenas de Galicia, Ourense, cuxa pintura segundo Alvarado é poesía pura.
Que dende hoxe poderemos respirala ao redor do Congreso do Pen Internacional, que na súa 82ª edición, e con Luís González Tosar ao timón, quere construír pontes literarias en Ourense...