Páginas

viernes, 27 de noviembre de 2015

Morre Xosé Neira Vilas

                                                                                                  Na morte de Neira Vilas






Xosé Neira Vilas
morreu hoxe.
Logo de ter lido varias das súas obras, ao longo do tempo, e telo escoitado en varias alocucións, con admiración pola súa testemuña vital.

A nosa relación persoal con il centrouse no estudo que me encargaron dende a Revista Raigame da analise das ilustracións das distintas edic. de 'Memorias dun neno labrego',
libro-de-refererencia de seu da literatura galega contemporánea.





Logo da presentación en sociedade da Revista monográfica, recibín unha delicada e agradecida misiva polo meu traballo, que me emocionou polo que tiña de educada gratuitade máis alá da cortesía.

E na Feira do Libro de Monforte de Lemos, mandoume dedicada a nova edic do seu libro canónico editado por Galaxia en 2011, con debuxos do gran Xaquín Marín.


Cos recentes textos de La Región e da Real Academia Galega, relativos á que foi a súa última presenza en Ourense (Centro Cultural Deputación provincial, en setembro, da que demos conta neste medio nun post anterior) e, uns meses antes, en Santiago, cando lle foi entregada a Medalla de Ouro de Galicia.

A nova tempada do Foro La Región, comezou así. A foto recolle un momento final do coloquio, trala presentación polo profesor ourensán Afonso Vázquez-Monxardín, quen ixo a súa introducción en clave de laudatio en catro tempos (Gres, Argentina/Buenos Aires, Cuba/ La Habana, e Gres). Xosé Neira Vilas, presentou "Cen sementes galegas en América" , recopilación dun cento de breves biografias de emigrantes galegos que aportaron "moitas cousas ó continente", no eido "cultural, social, económico e mesmo militar". Era outono.

Así resume a Real Academia Galega:

 'Nado en 1928 en Vila de Cruces, emigrou a Buenos Aires en 1949, onde entrou en contacto cos intelectuais galeguistas do exilio e iniciou un intenso activismo cultural. En 1961 publicou Memorias dun neno labrego, a obra máis lida e tamén a máis traducida da literatura galega, con versións en castelán, francés, inglés, alemán ou ruso, entre outros idiomas ata chegar case á vintena. Ese mesmo ano trasladaría a súa residencia a Cuba, onde fundou en 1969 a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiría durante vintedous anos. En Cuba, onde viviu máis de tres décadas, desenvolveu tamén a maior parte da súa produción literaria. En 1994 regresou a Galicia xunto á súa dona, Anisia Miranda, para viviren no seu Gres natal.

O labor cultural de Neiras Vilas foi recoñecido coas distincións de doutor honoris causa pola Universidade da Coruña e pola da Habana, co Premio Crítica Española na modalidade de narrativa, o da Crítica Galega na modalidade de ensaio, a Medalla Castelao, o Pedrón de Honra ou o Premio Trasalba, entre outros galardóns' (cfr. Real Academia Galega, 24.xulllo.2015)


O escritor pronuncia fai o discurso:
"… Hoxe é para min un día memorable. (...) Agradezo fondamente este alto honor. Espero merecelo. E se así non fose, aspiro humildemente a que eso ocurra no que me resta de vida e de enerxía.

Estades premiando a un xornaleiro da palabra, a un traballador das letras. Un exemigrante, coma tantos, que descubrín Galicia en América, onde estiven 43 anos. Descubrín Galicia e convertinme nun activista permanente da nosa cultura. E alí tomei en serio a miña latente vocación e fun tecendo a miña existencia con estes dous elementos: Galicia e a súa condición literaria.

A emigración galega a América foi unha sangría. Pero de rebote tróuxonos certos beneficios que xa son historia. Dende América, os emigrantes dotaron a Galicia de 317 escolas cando aquí o analfabetismo chegaba ó 72%. De América viñeron símbolos coma a nosa bandeira e o noso himno, xa centenarios. E veu a Academia da Lingua. E lavadoiros públicos. E pozos sanitarios. E monumentos... E o mausoleo de Rosalía. E a residencia de estudantes de Santiago.

Finalizáronse arreglos de igrexas e de camiños e nos planos da formación persoal, moitas máis cousas, coma a Escola Agrícola de Ribadeo, o Instituto de Cee, etc.

De América viñeron recursos para redimir foros, desempeñar leiras e sementar de casas as nosas aldeas. E miles de fillos de labregos puideron ir á Universidade.

O emigrante adquiriu unha nova visión do mundo e aínda están por estudar os aportes da emigración a esta nosa democracia. Citarei, cando menos, un: A comarcalización do territorio (…)

En canto a min, só podo dicir que publiquei ducias de libros, sempre en lingua galega, e exercín a militancia na cultura galega. Actividade que asumín sempre coma un deber e que culmina coa Fundación creada na aldea do Val do Ulla, onde vivo agora.

Moitos dos nosos emigrantes en América, xeralmente campesiños analfabetos de orixe, axudaron a crear asociacións, empresas, bancos, revistas e xornais, e algúns foron profesores, poetas e científicos, enerxía que se desenvolveu na outra banda do mar. E por unha parte fixeron o honor de espertar cara Galicia unha nación.

A todos, homes e mulleres que loitaron dende a diáspora pola dignificación e o progreso múltiple do noso país -e que os máis deles non voltaron a el-, dedico hoxe esta medalla. E tamén a dedico á memoria da miña compañeira, Anisia Miranda, que me deixou hai 6 anos.

Sempre terei presente este día e serei sempre xeneroso coa Xunta de Galicia. Moitas gracias
"
.

                                         Que a terra lle sexa leve. Descanse en paz.


No hay comentarios:

Publicar un comentario