Páginas

miércoles, 19 de marzo de 2014

Elvira Cuevillas, in memoriam

Fai un ano morría. Queremos lembrala dende o artigo que Afonso Vázquez-Monxardin lle fixo en La Región o 1.III.2013 na sección de Cartas al Director:

Elvira Cuevillas nun acto coa concellala Marta Arribas. Ningunha delas está xa...,
(mais esta só dexou o Concello).
'Elvira Cuevillas, esa moza elegante, coqueta, culta, afable, de cabelo curto e inmaculadamente branco, que se entretiña en espallar pola cidade adiante sorrisas amables sempre, e xuízos críticos cando cumpría, acababa de emprender a viaxe defintiva. Seguramente, seu pai, Florentino, o eixo histórico da xeración Nós, fondamente católico e de misa diaria -algo que non deu inculcado en Elvira, esta filla tamén doutros tempos e doutras ideas- aseguraría que estaría no ceo. E se cadra si. Pero en calquera caso, o lugar onde estea ela será mellor, máis divertido, que antes da súa presenza.

Elvira, filla de don Floro e dona Julia, a maior das tres irmás, Julia e Milagros as outras, pasaba xa dos noventa, pero tiña que dar a volta para que non pensases que era unha nena moderna, cos seus vestidos, os seus colares, os seus pendentes, o seu sorriso.

Na reinauguración da rúa... 
...que leva o nome...
Elvira formara parte desas mozas transgresoras de cando ninguén o era, que un día dos anos sesenta marchou por Europa, a Holanda de partida creo, pero tamén a outros sitios, exercendo de mestra de nenos, e cun mozo, José Luís o Pitolas, primo de meu pai, para escándalo da cidade conservadora. Ela, de broma, sempre me recordaba que eramos case parentes. O Pitolas non foi o único pero se cadra foi o seu grande amor.

Nos últimos anos viviu de acabalo entre o Sanxenxo tranquilo de contratemporada -o relax da natureza- e o Ourense matricial e dos encontros activos coas amigas e amigos de varias xeracións.

Vitalista apaixonada da cultura, sempre presente nas Xornadas da Filosofía de Pontevedra, nas conferencias e concertos que había na cidade, escoitando aos escritores, amigos, participando nos clubes de lectura, de cine case diario?

...do seu fai Florentino Cuevillas. LVG, 16.III.2009.
Faláballes antes de amigos de varias xeracións. Permítanme que lles conte unha anécdota que me relataba emocionado hai meses o amigo Xosé María Eguileta, motero, arqueólogo municipal, cuevillista apaixonado de don Floro, e da boa xente da Fundación Vicente Risco que tanto a mimaron. Pois contábame que un día, hai un par de anos, Elvira díxolle que lle gustaban as motos grandes. E que nunca fora nunha tan chula como a del. Despois de pensalo un pouco, e como Elvira estaba rufa, Eguileta deixoulle un casco, unha chupa de coiro e á mañá seguinte foron almorzar a Soutelo de Montes. Seica disfrutou como unha nena. Seguramente porque tivo a sorte e a sabiduría de nunca deixar de selo de todo'.
E o amigo Monxardín remataba: 'Elvira Cuevillas, Sit tibi terra levis. Que a terra che sexa leve. Por aquí, desde logo, ímoste botar de menos'.


No hay comentarios:

Publicar un comentario