Páginas

martes, 17 de septiembre de 2013

A human matter de Penin


Fai uns días que inaugurou Manuel Penín unha exposición dobre na que ofrece retratos dunha liña e acuarelas. Este exercicio de bipolaridade buscada na súa expresión plástica está na sala principal do Centro Cultural da Deputación. O catálogo se dedica de xeito monográfico aos retratos, que ocupan as paredes principais.


Coa liña, dende o lapis (rotulador ou grafo ás veces), o artista escolle o punto inicial. A liña flúe, dende a concentración, aquí, agora: é o único que lle importa. Avanza como meditando, pescudando o camiño esencial dende o mirar interesado para coller os trazos máis salientables. Así, busca achegarse ao individual que está máis alá dos ósos e a carne, para captar a raiola de luz interior, esa faísca do cerne de cada quen, o que fai que o rostro teña vida..., ou non! A tensión faino entrecruzar por veces a liña, mais o trazo é constante. Del xurde a ‘vera efigies’ ou un rostro novo, o que será sempre un afondamento na humana materia (human matter). Penín está a facer este proceso desde o pasado outono en Berlin, mais a técnica procede -segundo confesa- dunha das leccións de Xesús Vázquez. Este artista santanderino de orixe ourensá deu aquí un curso, 'Despois de Auschwitz', que o iniciara no recurso que agora presenta.

Vinteunha obras conforman un 'pachwork show' nunha das paredes
Nas outras paredes están as órficas pradeiras de cores que por veces semellan das cencias experimentais, un expresionismo de gamas cromáticas que se achega á abstracción sen perder de vista a natureza. As súas polícromas acuarelas de cromatismo calmo, en follas de diversas medidas, sen bastidor nen marco, pendurounas na parede con puntas.

Unha das súas obras máis recentes, con rastros da 'paisaxe biolóxica microscópica', con Altamira cecais tamén.
Destruír o aparente, e chegar más alá dos límites mediante a contemplación: isto vai estar en contraposición ao acto de pintar/debuxar que amosa na outra parte. Aquí saliéntase máis alí bórrase. Naquelas obras retratísticas, por conseguinte, hai baleiro, e nas outras unha densidade de elementos compositivos, un horror vacui. E aínda que haxa unha certa tensión entre figuración e abstracción, Penín semella iniciar un vieiro de seu.

O ronsel de Mark Tobey -que a natureza domine a túa obra-, o grande artista norteamericano, nos parece albiscar…

No hay comentarios:

Publicar un comentario