Páginas

lunes, 2 de enero de 2012

Comeza o ANO DE CELSO EMILIO FERREIRO

Celanova ten un vento, 
Celanova un vento ten, 
un vento peleriñante, 
un vento que vai e ven.


Comezamos 2012, o Ano de Celso Emilio Ferreiro (+ 1979), celebración do centenario do nacemento do poeta.
Busto en Celanova, obra de Acisclo Manzano, que mira na dirección do de Curros.
Dous poemas seus veñen de darse a coñecer,  polo xornal La Voz de Galicia hai uns días, adiantándose á efeméride:  'O Mozo', que é novo, e tamén o 'O atraco', que xa fora publicado en Buenos Aires máis non incluído por Ramón Nicolás Rdz. na edición da súa Obra poética galega, pois coñeceuno despois. 


O especialista enmárcao nas experiencias xurdidas «ao abeiro da súa expulsión da Hermandad Gallega de Caracas e céntrase na imposición dese pensamento único nunha inequívoca clave de denuncia». 

              O ATRACO


Maus arriba e boca abaixo o pobo.
Vimos a instalar o silencio,
cero preguntas,
cero movimentos
Porque esto é un atraco,
estades vendo
as pistolas alegres
i os índices propensos
capaces de asumir
mortos a centos.
Pun, pun, ao que se mova,
pun, pun ao que recrame dereitos,
sexa home ou muller,
pun, pun, todos interfectos.
Non hai cousa mellor
pra impoñer a ley do
retroceso,
o orde equidistante,
a paz do cimenterio,
a misa do domingo,
o salario do medo
i o culto aos xerárquicos
estamentos.
Maus arriba e boca abaixo o pobo.
Non perdamos mais tempo.
Porémoslle control 
as volveretas e ao vento,
os coitos e as preces,
a luz i o alimento.
Con tricornios de neve
e vergallos domésticos
degolaremos as gorxas
oblicuas
do pensamento,
e a rosa azul dos seños,
inxertaremos.
Serán para sempre nosos
os vosos esqueletos.
Os ollos pra chorar
tan só vos deixaremos.

Cfr. Correo de Galicia, Buenos Aires, mayo 1969, año IV, nº 85.


A fiestra da cadea onde estivo catro días preso o poeta?
Este ano coincide co cincuentenario de Longa noite de pedra, memorable libro de fonda pegada e alento, do que aquel autor ten escrito "Nun permiso en Celanova fala criticamente nunha tasca sobre o novo réxime e unha veciña denúnciao ás autoridades do lugar, de xeito que pasa catro días e tres noites nunha cela do mosteiro de San Rosendo. O Gobernador Militar de Ourense ordena a súa execución, que non se cumpre mercé a influencias de carácter familiar: aí nacerá o seu coñecido poema “Longa noite de pedra”, que logo lle daría o título ao libro homónimo" (cfr. Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, aelg).

O libro inspira gravados a Alfonso Costa de VIII 1977 en papel Arches.
O poeta, comprometido co Día da Patria Galega de 1977 !

No hay comentarios:

Publicar un comentario