Páginas

lunes, 19 de septiembre de 2011

BREVE GUÍA TURÍSTICA MUNICIPAL (IV)


Podemos facer outro itinerario no noso concello de nacemento. Vamos en dirección ó suroeste, e para elo nos diriximos á estrada que vai á vila de Carballiño. Este debe ser para nós singular entre todos por achegarse ante todo ata os lugares que con Cea conforman a parroquia, no entorno co cruce de Santioago / Ourense e Carballiño / Ribadavia. Aquí, nestas terras baixas, se concentraban os muíños, fundamentais ata fai poucasdécadas para a produción do pantrigo nos fornos da vila. 
Logo, continuamos para San Facundo de Cea, e E ademais os conxuntos artísticos de San Facundo, dunha parte, e os de Lamas e Longos, parroquias que foron un antigo priorado de Oseira.


No lugar da igrexa está a parroquial, que leva a advocación de San Cristovo, santo propio dos lugares de paso, de camiño. Foi sempre propiedade directa do Bispado, o que explica a súa ubicación afastada da vila, que era control directo da abadía cistrciense de Oseira. A súa orixe é na época medieval, quedando daquela unhas poucas testemuñas no aleiro do N, inseridas na nave única que ten esta fábrica arquitectónica. Esta é relativamente recente, do século XVIII.
No seu interior hai tres interesantes retablos: o do presbiterio é de estilo Barroco, e tamén o da capela do Rosario -a única da igrexa-, sendo o da Virxe das Dores na nave posterior. O cemiterio estaba no adro, quedando algunha tumba aínda, máis levouse fai décadas para o N. No seu espazo central, a carón dunha palmeira -impropia árbore exótica nun camposanto-, están unhas monumentais esculturas dos catro Evanxelistasobra sobranceira do mestre Antón Faílde de mediados do pasado século. Presiden os panteóns das familias de facenda, que llas encargaron na época de Franco. Nun sobranceiro panteón de pisos está a tumba do escritor Ángel Sevillano García (+ 1989), e a ras de terra, a do pintor Julio Tizón Diz (+1999), sordomudo xenial. Ámbolos dous lle dedicaron a Cea e á súa terra libros e pinturas de interese. Nos lugares de A Lama e Fondo de Cea hai casas con interesantes galerías, algún que outro cruceiros e restos arqueolóxicos de interese, non só da Prehistoria senon máis recentes.



Trala curva do pombal, onde hai tamén algún muíño, está San Facundo, importante lugar con notable igrexa románica (fachada e nave) datada en 1177. A portada principal presenta dúas arquivoltas e decoración de taqueado xaqués, coa inscrición fundacional no tímpano. Os canciños do texaroz e dos aleiros son variaos e de interese. A estreita porta sur sobre poderosas impostas ten unha curiosa pedra que ademais de facer de tímpano se prolonga ata os salmeres formando unha soa peza desde a que se dispoñen as dovelas do arco de medio punto de descarga. 
Sobranceiro peto e aira de cabaceiros de S.Facundo
Cara o sur dela está o núcleo habitado, con un conxunto sobranceiro de cabaceiros e unha eira; e nos camiños, un bo peto das ánimas, do século XVIII. No colateral monte hai un castro cristianizado, onde a tradición sitúa o martirio dos santos Facundo e Primitivo. 

En Ariz hai un cruceiro e eira con hórreos.
A fonte foi feita pola concesionaria da autovía en 2010
Nunha cota inferior, cara o N, discorre, paralela á estrada en moitos tramos, o antigo e histórico camiño que desde a Abadía de Oseira pasaba por Cea e comunicaba coas outras posesións súas en Arcos, o Carballiño, e Señorín e Partovia, xa en dirección ó Ribeiro. No Marañao está a ponte medieval reconstruída na idade moderna, a carón da ermida de San Bieito, con importante romaría a comezos do verán. O escudo daquel mosteiro na fachada é a marca da súa posesión.

Nas inmediacións,  está San Martiño de LamasA súa igrexa é de 1729, con heráldica cisterciense no exterior (de Oseira e da Congregación de Castela). No retablo destaca a estatua gótica do patrón e no exterior, no estremo da explanada, hai un cruceiro con mesa ou pousadoiro. 

Algo máis lonxe está a parroquia de Santa Olalla de Longos, o centro do antigo Priorado do mosteiro de Oseira, polo que é aquí onde está a casa dos monxes, xa moi desfeita por debaixo da igrexa, pechada por outa tapia, obra do século XVIII. A igrexa é da mesma centuria, levantada en 1798, con fachada barroca na que loce o escudo monástico. No interior ten retablo de estilo rococó.
Por trás hai un interesante pombal cadrado, e do outro lado do camiño unha eira con hórreos.
[continuará]

COPYRIGHT: XABIER LIMIA DE GARDÓN. Pódese citar citando o nome do autor e o lugar onde se publica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario